Ghastas Pista?
Xuntámonos unha vez por mes. Primeiro facemos unha sesión de adestramento, antes de asistir ao espectáculo. Durante unha hora e media ofrécense as claves que facilitarán o achegamento á obra, situando o autor e a compañía no seu contexto histórico e estético, sempre a través do visionado e discusión de vídeos relacionados. Estas sesións celébranse nos centros socioculturais.
Despois imos á NASA para asistir á obra seleccionada dese mes. E ao rematar a función, montamos un coloquio na propia sala con participación dos membros da compañía, dispostos a responder as nosas preguntas.
Empezamos xa o día 18 de Outubro. Inscríbete chamando á NASA: 981 573 998 ou enviando un correo electrónico a: info@salanasa.com
Estes son os espectáculos que veremos este trimestre:
CITIZEN (primeira parte)
Compañía: Chévere (teatro)
A OBRA
Citizen inspírase no Citizen Kane de Orson Welles. Esta película conta a historia dun empresario norteamericano que chegou a ser unha das persoas máis ricas e poderosas do mundo no primeiro terzo do século XX. A nosa obra conta a historia dun suposto empresario galego que se convirte nunha das persoas máis ricas e poderosas no último terzo do século XX. A historia do seu triunfo serve para explicar as consecuencias do proceso de globalización sobre un sitio que seguimos chamando Galicia, o triunfo dun individuo e o fracaso dun pobo.
A COMPAÑÍA
Chévere é unha compañía de teatro con sede en Copostela desde hai 22 anos, promotora e xestora da Sala NASA desde 1992 e que hai dous anos convertiuse nunha das tres compañías residentes que hai en Galicia, co apoio da Consellería de Cultura da Xunta. Chévere pon en práctica un teatro sen aparatosidade, directo e cómplice, que trata sen prexuízos e con espítiro crítico temas que preocupan á xente de hoxe.
OS TEMAS DE REFERENCIA
O impacto da globalización na identidade individual e colectiva. Progreso político e crecimento económico. A construción de relatos especificamente teatrais: ferramentas escénicas para unha nova narrativa.
SESIÓN DE ADESTRAMENTO
Luns 18 de outubro, 20:00 h (CSXM O Ensanche)
ENCONTRO-FALADOIRO
Venres 22 de outubro ás 21,30h.
Sala NASA
Participarán Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés.
TRES
Compañía: Pisando Ovos (danza contemporánea)
A OBRA
O tema de investigación desta peza é a muller, as mesmas intérpretes. Pero non existe a necesidade de reinvindicar o seu sexo, nen defender ou criticar ningún aspecto social ou histórico da muller, simplemente queren xogar co encontro de tres persoas, de tres mulleres que son condicionadas pola súa sexualidade á vez que das súas experiencias persoais sobre ela. Provocar encontros e desencontros das tres coas súas individualidades e os seus puntos en común.
A COMPAÑÍA
Pisando Ovos é unha compañía de danza contemporánea creada no 2005. A súa primeira obra é N8 0HX, estreada en Vigo no Teatro Ensalle en 2005 e seleccionada pola Rede de Teatros Alternativos no 2006, na que tamén participarán en 2007 e 2008. No 2007 estrean dous espectáculos máis: No intre 1800 e 30000, este último coproducido polo Centro Coreográfico Galego e dirixido por Damián Muñoz. No 2008 a compañía recibe o 1º premio no Certamen Coreográfico de Madrid.
OS TEMAS DE REFERENCIA
A sexualidade. O xogo como xerador de movemento.
SESIÓN DE ADESTRAMENTO
Xoves 4 de novembro, 20:00 h (CSC Fontiñas)
ENCONTRO-FALADOIRO
Sábado 6 de novembro ás 21,30h.
Sala NASA
Participarán Rut Balbís, Janet Novás e Andrea Quintana.
CITIZEN (segunda parte)
Compañía: Chévere (teatro)
A OBRA
Despois de coñecer aos personaxes principais na primeira parte, agora imos seguir a historia de Sara Caamaño, que volve ao seu pobo cun neno no colo e participa na creación da primeira cooperativa de mulleres da súa zona.
A COMPAÑÍA
Chévere é unha compañía de teatro con sede en Copostela desde hai 22 anos, promotora e xestora da Sala NASA desde 1992 e que hai dous anos convertiuse nunha das tres compañías residentes que hai en Galicia, co apoio da Consellería de Cultura da Xunta. Chévere pon en práctica un teatro sen aparatosidade, directo e cómplice, que trata sen prexuízos e con espítiro crítico temas que preocupan á xente de hoxe.
OS TEMAS DE REFERENCIA
O impacto da globalización na identidade individual e colectiva. Mulleres rurais e desenvolvemento local: o exemplo das cooperativas textiles. A forza de traballo, a deslocalización e a súa explotación por parte das grandes empresas.
SESIÓN DE ADESTRAMENTO
Luns 29 de novembro, 20:00 h (CSXM O Ensanche)
ENCONTRO-FALADOIRO
Venres 3 decembro ás 21,30h.
Sala NASA
Participarán Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Arantza Villar, Nekane Fernández.
-
(21:30h.)