Escapárate Pontevedra
EscapÁrate é un proxecto innovador para a promoción do pequeno comercio de proximidade e o consumo responsable: un festival de teatro feito nos escaparates dos comercios do centro histórico de Pontevedra, que se desenvolverá ao longo de todo o día o próximo venres 3 de maio.
Trátase de poñer en valor o comercio como motor de conservación do patrimonio histórico e reivindicar a compra-venda nunha relación de proximidade baseada no diálogo, de gozar do paseo a ceo aberto nun deambular libertario ou de deixarse sorprender polo aire na cara, polo cheiro a comida recén feita ou pola teatralidade dos escaparates. Tender pontes entre a actividade comercial e a creación artística pode ser un fértil campo de cultivo para sementar usos comerciais cheos de novas sensibilidades. O obxectivo é vivir e usar a nosa vila dunha maneira inesperada, ocupando con actividade cultural uns espazos reservados habitualmente á exhibición comercial. Converter os escaparates, auténtica seña de identidade do comercio, en escenarios para o teatro, a danza, os títeres ou a música. Abrir un proceso inacabable de refundación dos lugares comúns.
Idea e creación: Chévere. Intérpretes: Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Xron, Borja Fernández, Antón Coucheiro. Coa colaboración especial de: O Retrete de Dorian Gray. Animación de rúa: Marián Bañobre. Arranxos sonoros: Xacobe Martínez Antelo. Loxística: Fidel Vázquez. Vídeos: Quadra Producións. Comunicación: Xana García. Asesoramento: Promove Consultoría e Formación. Unha produción Chévere. Co patrocinio do concello de Pontevedra, Concellaría de Consumo, e a colaboración do CCU (Centro Comercial Urbano Zona Monumental Pontevedra)
PROGRAMA DE ACTUACIÓNS
VENRES 3 DE MAIO 2013
LISTADO DE INTERVENCIÓNS, HORARIO E UBICACIÓN
12,15h. Animación de rúa, zona Pza. da Peregrina
12,30h. Percheiro e Corcheiro (bailaríns pendurados). Sánchez Hogar
12,45h. Pernas (coreografía para 6 pernas con pelos). Moda Homes
13,00h. Percheiro e Corcheiro (bailaríns pendurados). Sánchez Hogar
13,15h. Pernas (coreografía para 6 pernas con pelos). Moda Homes
13,30h. Percheiro e Corcheiro (bailaríns pendurados). Sánchez Hogar
13,45h.O Retrete de Dorian Gray (Porter, o globo que baila). Ernesto Filgueira
18,30h. Animación de rúa, zona Pza. Curros Enríquez.
19,00h. O Retrete de Dorian Gray (Porter, o globo que baila). Ernesto Filgueira
19,30h. Cambio de tempada (comedia romántica sen palabras). Clarita, Pza. da Ferraría
20,00h. Os Tres Tenores (recital lírico). Mobles Mirón
20,30h. O Retrete de Dorian Gray (Porter, o globo que baila). Ernesto Filgueira
21,00h. Cambio de tempada (comedia romántica sen palabras). Clarita, Pza. da Ferraría
21,30h. Os Tres Tenores (recital lírico). Mobles Mirón
Desde o día 2 de maio en horario comercial: Mira aquí! (video-instalación) e punto de información, Droguería La Moderna (Pza. Curros Enríquez).
-
(12:15h.)
Rúas do centro histórico36001 Pontevedra