Citizen completo
A Rede de Teatros Alternativos convoca a segunda rolda de asambleas simultáneas en 14 cidades de todo o Estado, para convidar ás comunidades creativas (creadores, axentes culturais, espectadores, veciños, xornalistas...) de cada zona a un debate aberto e participativo sobre o lugar que deben ocupar as artes escénicas no contexto actual de incertidume, crise e transformación.
Trátase de usar os teatros e as salas como lugares de encontro para todas as xentes relacionadas coas artes escénicas e, neste caso, tomar a palabra, falar, discutir, debater sobre cal debe ou pode ser o futuro das artes escénicas neste contorno de cambio, incertidume e crise. Que a cousa está fodida é evidente, non se trata de xuntarnos para repetir as queixas, nin para elevar unha protesta máis. Trátase de compartir ideas, preocupacións, inquedanzas, coñecimentos, experiencias, intuicións que nos axuden a visibilizar como podemos seguir adiante sen perder as cousas realmente importantes.
Ou facer as preguntas que todos nos facemos, pero en voz alta: seguirán pagándose cachés? todos traballaremos a taquilla? a xente poderá pagar as entradas se seguen subindo de prezo? cantos teatros e festivais máis terán que desaparecer? os teatros e festivais que permanezan levarán o nome do seu patrocinador? quedarán subvencións? cales? que pasará coas infraestruturas públicas existentes? quen as explotará? ao final quedará só a cidade da cultura? seguirán existindo compañías de teatro? hai outras fórmulas de creación? podémonos permitir o luxo de que desapareza o teatro da oferta cultural?
"Nós estamos convencidos de que quen administra o Público é tamén responsable de defender o dereito que os cidadáns temos de acceder á Cultura. Pensamos que a Cultura é un inidicador de calidade de vida, de cohesion social, deliberdade de pensamento e expresión. A Cultura é, xa que logo, un dos sectores que máis riqueza crea alimentando outros como o Turismo, a Hostelería, a Construción, as TICs, a Educación, etc.
A Cultura é a base da nosa identidade como persoas e como comunidades ou nacións.
Por iso asumimos a responsabilidade de convocar á comunidade de creadores, a xestores, espectadores, veciños do barrio e a todas as persoas vencelladas ás Artes Escénicas en xeral, para facer xuntos un amplo cuestionamento da necesidade e urxencia de facer o teatro, a danza e a música que queremos que se faga ou que se siga facendo, apra definir cal é o lugar que queremos para as Artes Escénicas no contorno actual.
Non é tempo de defender intereses individualizados, non é tempo para corporativismos. Cómpre un novo xeito de relacionarnos como axentes da cultura. É imprescindible que nos asumamos como Comunidades Creativas.
É o momento de tomar a palabra."
Red de Teatros Alternativos
Máis info: http://ccahora.wordpress.com/
-
(09:39h.)
-
(09:39h.)