Citizen 2
Citizen inspírase no Citizen Kane de Orson Welles. Esta película conta a historia de Charles Foster Kane, un empresario norteamericano da comunicación que chegou a ser unha das persoas máis ricas e poderosas do mundo no primeiro terzo do s. XX. A nosa obra conta a historia de A.O., un empresario galego do téxtil que se convirte nunha das persoas máis ricas do mundo no último terzo do s. XX.
Citizen fala da construción dun imperio económico desde a periferia. Fala de cómo utilizar o que nos ofrece a historia en beneficio propio, de cómo se constrúe a realidade como se fose un culebrón. Citizen é unha historia de ficción baseada nun personaxe real chamado Amancio Ortega, e na súa empresa Inditex, coñecida popularmente como Zara. A historia do seu triunfo serve para expoñer o impacto da globalización sobre as nosas formas de vida e sobre este curruncho que seguimos chamando Galicia. O triunfo dun individuo e o fracaso dun pobo?
Citizen 2 sitúase dentro das paredes dun taller de confección formado exclusivamente por mulleres, para contar a historia deste fenómeno colectivo, que supuxo a partir dos anos 80 a mobilización masiva de man de obra feminina para levantar un imperio téxtil que nunca lles ofreceu máis ca o mínimo para a súa subsistencia a cambio dunha entrega total. Man de obra a baixo prezo no corazón de Occidente, autoexplotación subvencionada polas administracións públicas, perversión do cooperativismo. Unha forza de traballo de usar e tirar que deixou un rastro de frustración, impotencia e rabia individual.
Citizen 2 é un traballo feito co corazón e desde o corpo. Transita polo teatro documental ata mergullarse na atmosfera do melodrama. E quere ser unha homenaxe a un grupo de mulleres que seguen defendendo o seu dereito ao traballo, e que nos axudaron a comprender que os medios non xustifican o fin.
Unha creación Chévere, compañía residente na Sala NASA. En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Arantza Villar, Nekane Fernández. Dramaturxia e dirección: Xron. Movemento escénico/axudante dirección: Rut Balbís. Escrita: MCortés. Son/proxeccións: Xacobo Castro. Iluminación: Dr. Cabaleiro. Produción: Juancho Gianzo. Comunicación: Xana García. Arranxos sonoros: Xacobe Martínez Antelo. Vídeos: Oroboro Films. Deseño gráfico: Fausto Isorna. Co apoio de: AGADIC, Concello de Santiago de Compostela. O noso agradecemento a Lola, Dominga, Amalia, Estrella, ás cooperativistas de Harmonía e Millenium, ao Padre Jorge, a Belén, a Fátima. Citizen 2 estreouse na Sala Nasa o 24 de Novembro de 2010.
-
(21:30h.)
Salón Teatro. LalínRúa Polideportivo s/n 36500 Lalín(21:30h.)
Salón Teatro. LalínRúa Polideportivo s/n 36500 Lalín -
(21:00h.)
Teatro Principal OurenseRúa da Paz, 9. 32005 Ourense.(21:00h.)
Teatro Principal OurenseRúa da Paz, 9. 32005 Ourense.