#Chévere3.0 Ultranoite no País dos Ananos
CHÉVERE 3.0 é un maratón escénico para celebrar o 30 aniversario da compañía Chévere en Compostela volvendo a montar 3 obras míticas da compañía en 3 espazos distintos da cidade durante 3 semanas do mes de xullo.
A finais de xuño de 1987 Chévere actuaba por primeira vez en público e o facía na Praza dos Bombeiros de Santiago de Compostela, detrás da Escola Mestre Mateo. Trinta anos despois daquela noite de verán a compañía segue funcionando e está vivindo un dos seus mellores momentos artísticos e profesionais. Premio da Crítica de Galicia 2011. Premio de Honra da MIT de Ridabavia 2012. Premios María Casares ao Mellor Espectáculo en 2012, 2014, 2017. E Premio Nacional de Teatro 2014, converténdose na primeira compañía galega en ter este recoñecemento, o máis importante das artes escénicas de ámbito estatal, que desde 1949 recibiron apenas 7 compañías (Els Joglars, La Fura dels Baus, Ur Teatro, Teatre Lliure, Animalario, Atalaya e La Zaranda).
Para celebrar este 30 aniversario, Chévere quere facelo agasallando ao público. Por iso vai ofrecer a posibilidade de revivir a experiencia de asistir a 3 obras míticas do repertorio da compañía só durante o mes de xullo.
As dúas primeiras obras escollidas caeron polo seu propio peso: é moita a xente que segue falando de cando viu por primeira vez Rio Bravo e para Chévere foi unha escola de vida e oficio, ademais do primeiro gran éxito de público. Annus Horríbilis marcou un punto de madurez e excelencia para todo un grupo de artistas vencellados con Chévere, coa Nasa e con Compostela e permitiu abrir novos camiños profesionais e creativos. A terceira obra escollida é máis recente, a Ultranoite no País dos Ananos, que foi a única obra de Chévere que non se puido ver nesta cidade e serve de homenaxe a ese xénero propio que se inventou nun arrabaldo de Compostela e que todo o mundo coñece como Ultranoite.
As tres obras ofrecen unha panorámica musical, gamberra e festiva do que ten sido a traxectoria artística de Chévere nos 80, nos 90 e nos dousmil. As tres ofrecen miradas dispares sobre a Galicia desta época e as tres foron creadas en colectivo e contaron co apoio de milleiros de espectadores e espectadoras. Montar estas tres obras tamén é un agasallo para a cidade de Compostela, fogar e paisaxe emocional ao longo de tantos anos. Quen queira velas de novo, terá que vir á nosa cidade. Non se verán xuntas en ningún outro sitio.
ULTRANOITE NO PAÍS DOS ANANOS
Praza da Quintana 19 de xullo ás 23,00h.
Para estar en cadeiras hai que recoller a invitación na billeteira do Teatro Principal a partir do 11 de xullo de 18h. a 21h. No día da actuación o acceso ás escaleiras é libre ata completar o aforo.
A Ultranoite é un formato teatral e cabareteiro cociñado na Nasa, que leva desde 1993 renovándose continuamente e no que teñen participado varias xeracións de actores, actrices, cantantes e músicos galegos. Durante máis de 20 anos a Ultranoite ofreceu un reflexo crítico, cómico e retranqueiro da actualidade política, social e cultural, converténdose nunha crónica escénica da historia recente do noso país. Como homenaxe a toda esta traxectoria, Chévere estreou este musical en Teo en 2014 para achegar o espírito da Ultranoite a todo o público galego.
O País dos Ananos é unha viaxe retranqueira que facemos a través da Ultranoite ao tempo e ao lugar que nos tocou vivir. Podémolo chamar Galicia se queremos. Un lugar definido polo despilfarro do presente, o cinismo das clases dirixentes e o fin da esperanza nun futuro mellor. Para retratar esta terra humillada polo asfalto servímonos da compañía de dous autores emparentados polo seu mal humor e por un lirismo tan afiado como insultante: Jonathan Swift e Celso Emilio Ferreiro. A Ultranoite no País dos Ananos é ademais un musical atípico, ofrece unha visión moi crítica da Galicia oficial a través dun humor corrosivo e unhas cancións que non deixan lugar á esperanza, pero que teñen un lirismo, unha beleza e unha contundencia expresiva unanimemente aclamadas polo público e a crítica.
En Escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xron, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi, co acompañamento musical de Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Max Gómez. Libreto: Manuel Cortés. Músicas: Xacobe Martínez Antelo. Dirección e dramaturxia: Chévere. Escenografía e vestiario: Carlos Alonso. Iluminación: Fidel Vázquez. Son: Xurxo Pinheiro. Comunicación: Xana García. Unha produción Chévere co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Chévere é compañía residente no concello de Teo.
-
(23:00h.)
Praza da Quintana de SantiagoPraza da Quintana. 15705 Santiago de Compostela A Coruña(23:00h.)
Praza da Quintana de SantiagoPraza da Quintana. 15705 Santiago de Compostela A Coruña