Again and Again
Di quen a escoita que a súa imaxinación fainos viaxar a África, a Xapón, a India, ao mar, á selva, a un templo, a un mercado ou a un estudio de música electroacústica, ¿por qué non? Fuxindo de cómodos estereotipos, combinando técnicas vocais orientais, occidentais ou da súa propia invención, Fátima Miranda emprega a voz como instrumento de vento e de percusión e agasállanos con insólitas acrobacias sobre un rexistro de catro octavas, con disfonías e con fascinantes moldeos do alento que sobrepasan os límites do posible, indo do máis transparente e anxelical fío de voz ao berro máis salvaxe, difuminando as fronteiras entre o canto, a poesía, o teatro, a composición, a improvisación e a interpretación.
A voz é tratada baixo todas as súas posibilidades de expresión cantada e falada, empregando técnicas vocais diversas, algunhas delas multifónicas, coas que cubre un rexistro de catro octavas, sen valerse para iso de manipulación electrónica algunha. Iso unido ao importante compoñente xestual, dramático e poético que acompaña as súas actuacións, crea unha variedade de ambientes e xera un tipo de emocións que fan deste espectáculo unha proposta única que atrae a atención dun público de procedencia moi diversa. A obra de Fátima Miranda, máis aló e ademáis dun cultivado virtuosismo, procede dunha lenta e consciente dixestión da vida mesma: das súas viaxes, dos seus plurais estudios, da equivocación, a contradicción, o xogo, o achádego, a provocación, o sentido do humor e por suposto dunha exixente disciplina, pero superada e por tanto desprovista de rixidez, intención e exhibicionismo. A música e a voz desta creadora, transgrede e trascende por ser, sen querer nin poder evitalo, o que ela mesma é.
-
(21:30h.)