Ultranoite San Martiño CON AUTOBÚS IDA-VOLTA
ATENCIÓN: ESTA LIGAZÓN É PARA MERCAR A ENTRADA DA ULTRANOITE XUNTO CUN BILLETE DE IDA E VOLTA DE SANTIAGO A RAMALLOSA (TEO) NO ULTRABÚS!
O Ultrabús está pensado para as persoas que queren vir á Ultranoite dende Santiago, pero non teñen coche ou prefiren non collelo.
O Ultrabús sairá ás 21,15h. da Rúa da Rosa, en Santiago, do mesmo sitio onde saen os buses para Milladoiro. Durante o traxecto, haberá unha animación ad hoc! (O domingo 6 de novembro o Ultrabús sairá ás 19,15h.)
Dez minutos despois de rematada a Ultranoite, o Ultrabús sairá da porta do CSC da Ramallosa de volta para Santiago, con parada de novo na rúa da Rosa.
As entradas para a Ultranoite CON BILLETE DE Ultrabús deben mercarse necesariamente de xeito adiantado, ben nesta ligazón ou ben no Café SCQ de Santiago. Cando accedas ao bus tes que presentar o resgardo da compra por internet (ou un pantallazo no móbil) ou a entrada se a mercaches fisicamente.
Se non queres facer uso do Ultrabús, debes acceder al evento ULTRANOITE SAN MARTIÑO #108 da axenda de Redenasa.tv, onde podes adquirir as entradas soltas.
Chegou o inverno e a Ultranoite xa está aquí
vestida de neve, frío e chuvia para dar conta da actualidade. Unha Ultranoite situada no calendario entre a festa do Samaín e a gran feira do San Martiño que se celebra en Francos (Teo) desde o século XVI. A Ultranoite vólvese máis teense aínda e súmase a un dos fitos identitarios do concello, entre cabalos, castañas, viño, ostras, mazás e polbo. Coma sempre, haberá crítica da actualidade, humor irreverente e música ao vivo!
O inverno achégase para instalarse nos nosos corazóns... Pero a gana de rir mantense. En Galicia, coma sempre, todo segue sendo distinto, e o furacán da maioría absoluta varre todo o que encontra ao seu paso, negándose a abandonar a calor, o cheiro a queimado, a invasión das vespras velutinas e os ritmos caribeños dunha verbena eterna. Fóra do Telón de Grelos hainos que tamén se resisten ao frío e Mariano ignora a evidencia da corrupción acompañado por unha lexión de Camiñantes Brancos. Rita, a mítica raíña de Levante, sen embargo, prepara a súa vinganza contra o escuro Goberno en Funcións. E máis alá do Mar Angosto, todo está preparado para a batalla dos bastardos.
Datas
Atención ás datas: a estrea da Ultranoite San Martiño será o luns 31 de outubro (22h.), noite do Samaín, cando os espíritos dos defuntos teñen autorización para camiñar entre os vivos. O resto de funcións serán o venres 4 e sábado 5 (22h.) e o domingo 6 de novembro depedirémonos ás 20,00h.
Entradas
Entradas adiantadas con billete de autobús á venda en Redenasa.tv (internet), e a partir do 20 de outubro en Scq Café (Compostela).
Participan
A Ultranoite nº 108 contará coa participación de Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Xron, Arantza Villar, Borja Fernández, Iván Marcos, César Goldi, Diego Anido, Pepe Penabade, Juan Moredo (Vasilina Kulova) e A Panadaría e co acompañamento musical ao vivo de Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez e Manuel Cebrián.
Como chegar e que facer na Ramallosa (e en Teo)?
Quen queira achegarse á Ramallosa pode facelo a través da AC-841, que une Santiago e A Estrada e cruza o concello de norte a sur. Ao chegar á altura da Casa do Concello, hai que virar á esquerda. O auditorio é o edificio que está detrás do concello. Hai sitio abondo para deixar o coche. Tamén se pode vir pola autoestrada AG-56, alternativa á AC-841, que une Santiago-A Ramallosa.
Na Ramallosa tedes tres sitios onde tomar un petisco antes da función. Fronte á Casa do Concello está o bar Raiola, han tratarvos ben coas tapas. Un pouco máis abaixo na mesma estrada AC-841, pero da outra beira, está o mítico Santa Sede, podedes comer boas hamburguesas, pratos e pizzase. E xa chegando á rotanda, fronte ao colexio público, está a versión teense do María Castaña compostelán, con comedor para sentar no estómago algo máis sólido ou para pesticar na barra.
Se vides con tempo, podedes achegarvos a Pontevea, no límite das provincias da Coruña e Pontevedra, ver a ponte medieval, dar un bo paseo pola beira do río, visitar a burga de augas sulfuradas e logo tomarlle unha na Senra, local que ben merece unha paradiña.
Que é a Ultranoite?
No mes de xaneiro de 1993, o grupo Chévere crea un espectáculo titulado Ultranoite para a Sala Nasa. Tratábase de poñer en valor e actualizar xéneros populares como o teatro de variedades, a revista ou o cabaré. Fíxose un chamamento a actores, actrices, músicos, vedetes, cantantes e artistas en xeral que estivesen dispostas a usar o teatro, a música e o vídeo para facer escarnio da actualidade política, cultural, económica e social. Dende entón pasaron 23 anos e a Ultranoite segue en cartel, agora no concello de Teo, fiel á súa cita co público, converténdose nun espello deformante e, ás veces, máis real, do que pasa ao noso arredor. A Ultranoite converteuse nun dos sinais de identidade do teatro en Galicia. Un lugar de encontro e colaboración para artistas, no que se xestaron amizades, relacións, espectáculos e, sobre todo, unha complicidade total cun público que non deixou de medrar durante dúas décadas.
-
(22:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo.(22:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo. -
(22:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo.(22:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo. -
(22:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo.(22:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo. -
(20:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo.(20:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo.