Compositor, instrumentista e musicólogo. Lloréns Barber nace en Aielo de Malferit en 1948 e desde 1972 vive en Madrid, onde de 1979 a 1984 dirixe a Aula de Música da Universidad Complutense. De 1987 a 1990 colabora co programa "El Mirador" de Televisión Española. De 1990 a 1994 foi profesor do Instituto de Estética de Madrid e desde 1992 dirixe "Paralelo Madrid", serie de concertos que o Círculo de Bellas Artes dedica ás "outras" músicas, e desde 1998 organiza as "Nits d'Aielo i Art", un festival anual dedicado á arte experimental.
Desde 1980 practica a voz difónica, a improvisación, a campanoloxía, a música plurifocal, a poesía fonética, os concertos urbanos con campás e a desmesura dos concertos "de sol a sol". Comparte e complementa a súa actividade musical creando e actuando xunto a Fátima Miranda en grupos como "Flatus Vocis Trio" ou o "Taller de música mundana" (fundado en 1978; segundo Robert Ashley: "unha das máis importantes experiencias de nova música en Europa"). Nos últimos anos e tras facer sonar máis de 150 cidades en Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Colombia, Cuba, Dinamarca, Eslovenia, Francia, Guatemala, Holanda, Italia, Inglaterra, México, Polonia e Portugal, os seus paisaxísticos concertos cidadáns enriquecéronse coa sonora inclusión de tambores, canóns, sereas, buques, fogos de artificio, así como de bandas de música distribuidas polo espazo.